jueves, 19 de noviembre de 2015

Campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica: Apúntate


gripe

As persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco poderán vacinarse nuns 150 puntos da área sanitaria de Vigo
A Consellería de Sanidade inicia o luns 19 na área sanitaria de Vigo a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que estará vixente ata o vindeiro 19 de decembro. Esta mañá, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado da xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro, foi o encargado de presentar a campaña para este ano así coma os resultados da campaña anterior.

A provincia de Pontevedra conta nesta campaña con arredor de 250 puntos de vacinación –uns 150 na área de Vigo-, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

Para López-Chaves, esta nova campaña de vacinación tamén o é “de prevención” amosando así a preocupación da Xunta “pola saúde e benestar dos galegos e dos vigueses”. Destacou así a importancia do orzamento que, para a presente campaña, é de 1.898.104 euros. Galicia adquiriu 530.100 doses que se distribuirán por máis de 900 puntos de vacinación. Dita adquisición efectuouse mediante un acordo marco co Ministerio de Sanidade e outras 13 comunidades autónomas españolas.

Ademais, e como novidade, o delegado explicou que Sanidade porá en marcha unha web (http://gripe.sergas.es) con información tanto para profesionais sanitarios con información técnica e de xestión, como aspectos prácticos para a cidadanía.

Obxectivos da campaña

O obxectivo xeral, coma sinalou o delegado da Xunta en Vigo, é “minimizar o impacto da gripe na saúde” mediante a súa prevención tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. “A gripe é unha enfermidade leve, previsible e prevenible”, considerou, polo que, un ano máis, se pon en marcha esta campaña.

Doutra banda como obxectivos específicos, están acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos e, ao igual que o ano pasado, farase especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores de primaria e especializada o obxectivo de cobertura é do 35%.

Poboación diana

A campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2015 -que ten unha duración de máis de oito semanas- está destinada a todas as persoas da área sanitaria que teñan 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da vacina antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Tamén se inclúen na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a área sanitaria, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais. Neste senso, o delegado considerou a importancia que ten esta campaña para “incrementar as porcentaxes” de poboación dos grupos de risco que se vacinen.

Organización da campaña

Pola súa banda, a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro, explicou que se utilizarán dous tipos de vacina: unha para poboación xeral e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viva en residencias. Ambas son moi seguras e “as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras”. Ademais, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de como solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Balance da campaña do pasado ano 2014
O balance de datos do pasado ano revela que na área de Xestión Integrada de Vigo administráronse na campaña de 2014 un total de 77.334 doses antigripais. Destas doses, 53.479 correspondéronse a maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 47% da poboación diana.

Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano na área de Xestión Integrada de Vigo rexistráronse 6.175 doses, das que 1.056 foron para a poboación de 65 anos, o que representa unha cobertura do 14%.

López-Chaves recorda a Caballero a súa obriga para garantir o tráfico no HAC

O delegado quixo recordar hoxe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que dentro das obrigas e competencias que ten un goberno municipal está a Policía Local e a ordenación do tráfico dentro do termo municipal.

López-Chaves considerou “incrible” que tendo constancia da posta en marcha do novo Hospital Álvaro Cunqueiro dende hai meses, dende o Concello de Vigo non se tomaran medidas de seguridade e de ordenación do tráfico na zona e no entorno do novo hospital público.

“Estas últimas semanas vimos a falla de xestión non so na avenida Clara Campoamor senón tamén en Castrelos”, explicou o delegado, quen aproveitou para lembrarlle a Caballero que “vender agora” que se vai a encargar do que son as súas competencias e obrigas “soamente amosa a falla de xestión e compromiso para que os vigueses teñamos un tráfico áxil”, sinalou. “Tiña que habelo previsto e organizado”, especificou tendo en conta que é sabido que a apertura dun novo hospital público “xeraría unha intensificación do tráfico”.

Para o delegado autonómico, a situación que nos atopamos en Vigo con este goberno municipal fai que Caballero considere “excepcional no que noutras cidades é o normal: encargarse o goberno local da ordenación do tráfico dentro das vías municipais”, dixo, comparando esta situación con xestións coma a limpeza das rúas ou o abastecemento. “Anunciar isto é como anunciar que vai a manter limpas as rúas ou garantir o abastecemento de auga aos vigueses”, especificou.

López-Chaves considerou que o que debe facer o Concello é acondicionar e adaptar esta vía á nova realidade existente coma consecuencia da apertura do HAC co obxectivo de garantir os accesos de tráfico e as medidas de seguridade para non poñer en perigo aos vigueses e non “con ánimo de recadación”, lembrando que nesa vía existen varios radares. “Foi a principal fonte de multas de todo o Concello de Vigo”, sinalou, explicando que, segundo datos publicados polos medios de comunicación, no ano 2014 se impuxeron preto de 6.400 multas. “Para o goberno municipal é un instrumento de recadación e de sanción pero non o é para garantir a seguridade viaria”.

Fuente:Xornal21

No hay comentarios:

Publicar un comentario